Discurso do Presidente del CGBA na inauguración da mostra “Castelao e Prada, irmaus!”

Comienza el curso en nuestras Escuelas de Cultura
1 marzo, 2019
Comienzan las clases de las Escuelas de la Comisión de Cultura
8 marzo, 2019

Discurso do Presidente del CGBA na inauguración da mostra “Castelao e Prada, irmaus!”

Compartimos o discurso do Presidente José María Vila Alén na inauguración da mostra “Castelao e Prada, irmaus” onte, 7 de marzo, na sede da Deputación de Ourense. Esta mostra  conta coa obra icónica de Castelao, o cadro A derradeira leición do mestre, propiedade do Centro Galicia de Bos Aires.

 

Sr. Presidente, Manuel Baltar; Sr. Conselleiro, Román Rodríguez; Sra. Amalia Bóveda,  unha honra vela de novo.

 Autoridades, señoras e señores:

Poida que neste momento, nalgún recanto de Galicia estea morrendo un vello que leva para a tumba o eco lonxincuo dunha lenda, ou un caudal de palabras sonoras e expresivas que xa ninguén fará coñecer entre os vivos. Poida que noutro recanto de Galicia naza, a estas horas, o home ou a idea que transformará en novo e profundo sentido o ritmo da historia.

Estas palabras escribiunas don Ramón Otero Pedrayo na introdución ao seu Ensaio histórico sobre a cultura galega. O patriarca das nosas letras, fiel toda a súa vida a Galicia, deixa constancia da importancia que ten a preservación da nosa memoria, alicerce fundamental na construción do futuro.

Por isto, hoxe síntome honrado de estar aquí como presidente do Centro Galicia, conformado pola unión dos centros provinciais da quinta provincia entre os que está o Centro Ourensán, onde Castelao tiña o seu despacho e deseñou novos vieiros, lugar sobranceiro que puidemos visitar co presidente Baltar durante a súa última visita a Bos Aires–; mais tamén estou acó como integrante da Galicia extraterritorial, elemento indispensable para concibir a nosa realidade.

Da Galicia extraterritorial é tamén Rodolfo Prada, insigne ourensán que pasou boa parte da súa vida bonaerense no Centro Ourensán e onde fortaleceu a súa relación con Castelao, converténdose en irmaus entrañables.

Estou certo que a pegada da emigración na construción da nosa terra non é allea a ningún dos que aquí estamos. Con todo, gustaríame que todas esas achegas non permanecesen circunscritas a discursos ornamentais, a teorizacións bibliográficas. Gustaríame, señoras e señores, que esa pegada intanxible e tanxible, hoxe en día tamén, se dese a coñecer entre os novos, entre a xuventude, con amplitude e rigor histórico, pois de xustiza é que non troncemos o futuro con esquecementos inaceptables. Oxalá pronto, nas escolas, os nenos e nenas, mozos e mozas, tomen conciencia do seu pasado a través dun currículo educativo que presente á emigración como parte inseparable do que eles son.

Precisamente, o cadro que nos acompaña é un fío invisible que nos xungue coa nosa historia e co noso devir. Representa a Galicia, esa Galicia que non coñece fronteiras artificiais, esa Galicia presente en cada recuncho do mundo grazas á diáspora.

Alexandre Bóveda entregouse á súa tarefa coa filosofía dos mestres, coa conciencia de saber que os froitos da súa semente agromarían lonxe do seu espazo cronolóxico. Alexandre loitou incansablemente a prol da súa terra, procurando respecto e xustiza, e espallou esperanza de futuro coa crenza plena no porvir. Alexandre é un mestre, mestre de paz, de humanidade, de concordia e amor, mais tamén –desgraciadamente– Bóveda é un mártir ao que a intransixencia farta de ferruxe e rancor lle arrebatou a vida polo simple feito de ter ansias de liberdade e crer que a súa xente merecía unha folla de ruta diferente.

Abofé, Castelao soubo reflectir maxistralmente a súa significación. A vida de Alexandre, e a de Daniel, e o cadro son unha chamada para todo o pobo galego. Oxalá, de vez, aprendamos a leición.