A GALICIA IDEAL, por Inma López Silva

Visita de los alcaldes de Tui y Salceda de Caselas
19 mayo, 2017
Maruja Mallo, trayectoria e impacto de una mujer moderna
22 mayo, 2017

A GALICIA IDEAL, por Inma López Silva

A Galicia ideal
INMA LÓPEZ SILVA
16/05/2017
Velaí o estaba, o mestre morto onda os dous meniños e o trazo indubidábel de Castelao. De fondo, a música dos nenos que xogaban no patio. Esoutros rapaces, os que estudan en galego en Bos Aires, son os superviventes que Castelao soñou e que agora constrúen na Arxentina un futuro posíbel. Corricaban polas inmensas canchas de voleibol e cantaruxaban muiñeiras en aulas con espellos nas paredes. E cando a escritora entraba no Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, sempre había un neno de ollos achinesados (hai moito coreano polo barrio) que dicía «bo día» cun aquel porteño na cadencia. Entón chegaba a emoción que medraba azul e branca, porque ela tampouco acababa de saber se o soño do Castelao acadara a imaxinar esa Galicia ideal a dez mil quilómetros de alá, como din eles. Se cadra, se non matasen aos mestres no 36…Entón chegaba o momento solemne do cadro. A derradeira lección do mestre. A foto coa cámara do móbil albiscábase nos vidros cos obxectos consagrados. A máquina de escribir, a máscara, uns pinceis, unhas cartas. Pero sobre todo, a pintura que significa tanta loita pola liberdade, acá e alá. Unha reminiscencia do medo na vida enteira dun avó mestre, falanxista de adopción. Outra do ruído de disparos e o brumbrum dos barcos. De súpeto, outra vez os sons da rapazada da Galicia ideal que vive nos corazóns dos 300.000 galegos que, en Bos Aires, souberon manter o sentido da lingua que esmoreceu alá, na Galicia europea. A escritora montou no remis pensando que Galicia enteira se refuxiara nun edificio entre Mitre e Paso, e que reviviría despois de que os galegos se aniquilasen entre si. E así volveu alá feliz, pois entendeu que a esperanza habita en Bos Aires.

Artigo de opinión publicado pola escritora Inma López Silva no xornal La Voz de Galicia trala súa visita a Bos Aires neste mes de maio.

Inma López Silva
Escritora e crítica teatral, é doutora en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e Diplomada en Artes do Espectáculo pola Universidade da Sorbona. Actualmente é profesora de Teoría Teatral na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, ademais de membro da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega. Como novelista, é unha das voces máis recoñecidas da narrativa galega actual.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2017/05/16/galicia-ideal/0003_201705G16P15992.htm