Víctor Freixanes, novo presidente da Real Academia Galega

Aysha somos todos
25 marzo, 2017
Convocatoria Asamblea General Ordinaria
4 abril, 2017

Víctor Freixanes, novo presidente da Real Academia Galega

-O xornalista e escritor pontevedrés foi elixido o martes como máximo representante da RAG

Bos Aires, 30 de marzo de 2017. O Centro Galicia de Bos Aires congratúlase polo nomeamento de Víctor Fernández Freixanes como novo presidente da Real Academia Galega (RAG). O profesor, xornalista e escritor foi elixido este martes para ocupar a máxima representación da institución senlleira da cultura e a lingua de Galicia.
Nunha misiva remitida onte, o presidente do Centro Galicia de Bos Aires, Xosé María Vila Alén, gaba a traxectoria profesional, a calidade humana de Freixanes e trasládalle, en nome dos asociados e da Xunta Directiva, as felicitacións pola súa designación á fronte da Academia.
Así mesmo, o representante do Centro Galicia tende a man para estreitar lazos de colaboración coa RAG a prol dunha “maior proxección social” do idioma, da Cultura de Galicia” e colaborar “na visibilidade mundial que a causa da lingua galega merece”.
“Humildemente, -sinala o texto- queremos facerte chegar o noso apoio ao teu mandato. Tenderte a man para o que, na medida das nosas posibilidades, podamos achegar desde este recanto do mundo para a construción dunha Galicia Universal. É unha grande satisfacción para nós, pais do Instituto Santiago Apóstolo, ver que nas liñas mestras do teu programa existe unha mención ao “galego exterior” como unha das bases de actuación”.
Na súa alocución no Pleno, Víctor Freixanes referiuse á necesidade da incorporación de mulleres ao equipo da RAG, á importancia da comunicación para a lingua galega no seu programa de xestión, no que tamén subliñou as relación co exterior.
Henrique Monteagudo, Andrés Torres Queiruga, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey integran a comisión executiva que acompañará a Freixanes neste mandato á fronte da RAG.