Os protagonistas de 2016 na Biblioteca Rosalía de Castro

Centro Galicia de Buenos Aires – XXXVII Aniversario
4 agosto, 2016
Carlos Brandeiro, designado miembro de la Real Academia Gallega
3 enero, 2017

Os protagonistas de 2016 na Biblioteca Rosalía de Castro

No ano 2016 conmemoráronse varías datas de importancia para a cultura galega que cómpre salientar, entre elas o Día das Letras Galegas, que estivo dedicado a Manuel María; o Centenario da creación das Irmandades da Fala e o 80° aniversario do asasinato de Federico García Lorca.

O Día das Letras Galegas 2016 estivo dedicado a Manuel María, o poeta da Terra Chá, comprometido con Galicia e co idioma galego.
A súa relación con Arxentina e os galegos emigrados foi notable, pois en 1954 gañou o Premio Pondal de Poesía de Bos Aires e estivo presente nesta cidade durante os Xogos Froraes do Idioma Galego en 1968 onde foron premiados dous dos seus poemas.
Nesta biblioteca podemos atopar parte do seu teatro; Auto do Castromil ou a revolución dos baúles e Barriga verde; moita da súa poesía, Oráculos para cavalinhos-do-demo, As lúcidas lúas do outono, Terra chá, Mar Maior, Catavento de neutrós domesticados, Cantigas e cantos de Pantón, Versos pra un país de minifundios, Libro de pregos e Advento; narrativa para adultos e para nenos, Contos en cuarto crecente e outras prosas e Cando o río foi polo mar e un estudo crítico sobre a súa obra, Cucou o cuco cuqueiro. Lingua e estilo na obra de Manuel María, de Xosé Ramón Freixeiro Mato.
Asemade no 2016 rememoramos a Federico García Lorca a 80 anos do seu asasinato. Non de todos é sabido, aínda que Lorca fixo varias viaxes a Galicia, que a cultura, o idioma e as paisaxes da nosa terra inspiraron os seus Seis Poemas Gallegos escritos entre 1932 e 1934 e publicados pola Editorial Nós. Entre estes Seis Poemas Gallegos atopamos a Cántiga do Neno da Tenda, unha homenaxe á emigración galega do Rio da Prata.
Lorca tamén visitou Bos Aires, onde estivo en contacto con personalidades da emigración galega e onde acadou un grande éxito nas representacións teatrais de Bodas de Sangre no Teatro Avenida.
Por outra banda as Irmandades da Fala cumpriron 100 anos. Desde a súa creación en maio de 1916 por iniciativa de Antón Vilar Ponte, este movemento na defensa do idioma galego, o coñecemento da nosa historia e realidade e a loita polo futuro de Galicia traballou arreo a prol de novas consecucións para a nosa terra adherindo para as súas filas a salientables intelectuais e escritores como Castelao, Cabanillas, Pedrayo, Risco… É importante destacar que logo da súa disolución en 1931 xorde o Partido Galeguista que ten como órgano de difusión á revista A Nosa Terra, cuxo último número saiu no ano 36 debido ao golpe militar. Curiosamente é en Bos Aires onde volve sair esporádicamente entre os anos 1938 e 1972, sostida co apoio de emigrantes e exiliados. A Nosa Terra, nesta segunda época presentábase como O boletín, o voceiro do ideario das Irmandades da Fala en Galicia e nas colonias galegas de América e de Portugal.
Á Irmandade Galega de Bos Aires pertenceron, entre outros, moitos persoeiros que hoxe lembramos polo labor que fixeron na nosa comunidade de galegos na Arxentina: Castelao, Alonso Ríos, Rodolfo Prada, Suárez Picallo, Núñez Búa, Avelino Díaz, Rey Baltar, etc.
Esta Irmandade Galega de Bos Aires celebraba todos os anos unha cea no Centro Ourensán o 24 de xullo, con motivo do Día da Patria Galega e mantiña unha estreita relación co Consello de Galiza.
Aquí é onde viu por primeira vez a luz o Sempre en Galiza de Castelao, cuxa primeira edición conserva esta biblioteca, así como multitude de obras da meirande parte destes galegos comprometidos.
Por todo isto a Biblioteca Rosalía de Castro do Centro Galicia é historia viva, memoria e futuro. Invitámosvos a visitala na Sede Social en Bartolomé Mitre, 2552, 3º andar, de luns a venres de 16.30 a 20.00 h.